Bebegadis

Search
Close this search box.

Receita quiché de espinacas y queso

A quiché é unha torta salgada, sinxela e rápida de facer, coa que podemos introducir verduras na dieta dunha maneira rica e discreta.

Na receita de hoxe empregaremos espinacas, pero se o teu peque é alérxico ou ten menos dun ano, podes cambialas por outro alimento que si poida comer.

Quiché de espinacas e queixo para cear

Se queres prepararlle a túa familia unha cea distinta e que lle guste a todos, esta receita é para ti!

Pode que o peque cando escoite que hai torta para cear imaxine un biscoito de chocolate, pero cando vexa a boa pinta e o cheiro da nosa quiché, váiselle facer a boca auga!

Este prato é moi versátil, xa que o recheo pode ser do que queiramos, cos alimentos que máis nos gusten. Desde Bebé Gadis eliximos as espinacas, ricas en vitamina A e beneficiosas para a vista; e o queixo; fonte de calcio e eficaz para o desenvolvemento forte de osos e dentes.

receita quiché de espinacas e queixo

Prepara unha masa crocante

Antes de comezar a preparar os ingredientes, temos que prequentar o forno a 180º para que chegue a unha boa temperatura e logo meter a masa. Desta maneira, evitaremos que quede branda pola base.

Collemos un molde redondo, ao que lle meteremos un papel de forno, e colocaremos enriba a masa brisa, ou quebrada. Cravamos a base cun garfo para que non inche e metemos no forno uns 10 minutos, máis ou menos.

Lava e cociña as espinacas

 Antes de comezar a cociñar as espinacas, temos que lavalas para quitarlle todos os lixos.

O primeiro paso para lavar esta verdura tan fráxil é quitarlle o talo ás follas. Logo, pasámolas por auga incidindo en cada unha das follas para quitarlle todos os restos de terra. Retiramos as espinacas da auga, escorrémolas e secamos moi ben para poder cociñalas na tixola, na que poñemos un pouco de aceite de AOVE.

Cando estea quente, salteamos as espinacas ao gusto ata que estean cociñadas e deixámolas nun prato para despois.

O recheo da quiché

Nun recipiente batemos os ovos, engadimos a nata e o queixo relado. Cando estes tres ingredientes estean ben mesturados, engadimos as espinacas cociñadas e volvemos a remover ata que queden ben integradas.

E xa estaría o recheo!

A montar a nosa quiché de espinacas!

Cando teñamos a masa quebrada lista e tamén o recheo, botamos a mestura no interior do molde e volvemos a meter no forno, esta vez coa torta xa montada, durante uns 30-40 minutos, ata que vexamos, coa axuda dun garfo, que o ovo estea totalmente callado, e parte de enriba un pouco torrada.

Quitamos do forno, agardamos a que arrefríe un chisco, e desmoldamos para poder desfrutar desta saborosa e nutritiva cea.

Tip: aconsellamos comer a quiché un pouco quente para desfrutar dun sabor máis intenso.

Se probas esta receita podes compartila con nós empregando o hashtag #recetasBebeGadis.

Comparte esta noticia